...

Silvia forma parte, dende maio de 2024, do equipo do Future Oceans Lab da Universidade de Vigo, onde aporta a súa experiencia coma asistente de investigación a diversos proxectos europeos. Antes de chegar á UVigo, licenciouse en Ciencias do Mar pola Universidade de Barcelona —cunha estadía Erasmus+ na Universidade das Azores— e obtivo o Mestrado en Xestión Integrada de Áreas Litorais na Universidade de Cádiz. Durante a súa etapa de mestrado desenvolveu un modelo de análise conceptual para avaliar as complexas interaccións entre a sociedade e o medio ambiente nas Áreas Mariñas Protexidas (AMP).  O que realmente move a Silvia no seu traballo é a convicción profunda no ecocentrismo e no valor intrínseco da natureza, entendendo que as persoas somos parte do ecosistema e non un elemento separado del. Por iso, actualmente enfoca a súa carreira cara a exploración de procesos participativos e a involucración dos actores locais na creación de políticas ambientais, co obxectivo de contribuír a unha toma de decisións máis inclusiva e eficaz no establecemento de áreas protexidas e a mellora da súa conectividade ecolóxica.

Esa conexión co océano vai moito máis alá dos despachos e a investigación: Silvia atópase sempre ligada ao mar, xa sexa collendo ondas facendo surf ou coas lentes postas, perdendo a noción do tempo mentres practica apnea e descobre a vida que se agocha baixo a superficie.